Mai 11 2012

Non todas as moscas serven

Published by at 11:38 a.m. under palpuxeando

O derradeiro día das vacacións adoito dedicalos ás compras que quedaron sen facer coa nostalxia xa instalada no corpo e obrigando aos ollos a filmar, de novo, os sitios onde tan ben o pasei. Case nunca coinciden estes cos lugares das compras, pero desta volta si, pois aínda me esperaban unhas risas no posto de tés e especias no mercado de Essaouira. Alá fun mercar unha combinación de herbas que daban como resultado unha infusión ben saborosa e sobre todo enerxética. Acompañábame unha rapaza que falaba francés e algo de árabe, cousa imprescindible para facerme entender. Fixo o pedido, tal como nos dixera o seu mozo, cunha mestura de palabras árabes e francesas que lle sorprenderon moito ao home do posto pois os estranxeiros non coñeciamos esa infusión. A rapaza explicoulle por que a coñeciamos engadindo que era para min. Preparou paquetiños coas diferentes herbas mentres falaba e dubidei das palabras soltas que cría escoitar: spanish fly, afrodisiac, tré bien, madame… Pregunteille á miña acompañante se nos estaba a vender un afrodisíaco ao que ela asentiu. Pensei que o de spanish fly non me cadraba. Estaba a rir de min mesma polo mal que pillara as cousas, cando o home abre un bote e bota na súa man unhas cantas moscas repetindo o de afrodisiac spanish fly convidándonos a compralas, que seica era moi bo. A rapaza torceu a cara cun xesto de noxo mentres eu preguntaba o de se seguro que eran spanish fly ao que respondeu cun authentiques e co sorriso de triunfador na venda alumeando a súa cara. Nese momento veume á cabeza “As mamás matamoscas” (do libro Melodía de días usados) e para sorpresa da rapaza pedinlle que fose traducindo as miñas preguntas. Á de como se tomaban contestou que machucándoas e botándoas en calquera bebida. Á de se de verdade producían efecto dixo, todo fachendoso, que si, que el xa o probara. Á de canto custaban respondeu que non eran baratas. Entón fíxenlle unha proposta: que onde eu vivía había moitas spanish fly, que as nais en xeral eran grandes cazadoras de moscas cos panos da cociña, cos mandís, co que fose e que non as esmagaban (este sempre foi un misterio para min, co golpe que lles daban e morrían enteiras), co cal eu podería xuntalas, mandáballas e iamos a medias co negocio. Botou a rir e aceptou o trato coa condición de que as probase antes, non fora ser que non valesen, porque xa se sabe: non todas as moscas teñen as mesmas propiedades.

Comentarios desactivados en Non todas as moscas serven

Comments are closed at this time.