Abr 30 2012

Fatiga de libros

Published by at 8:51 p.m. under palpuxeando

Houbo unha época na que me desaparecían libros. En realidade era eu a culpable por emprestalos. Pero ¿que facer cando o reclamas e contestan que non llo deixaches? ¿E que facer coa rabia que che entra cando acontece cunha edición imposible de conseguir? “Reciclala —dicía un amigo meu— podes transformala en empeño; con rabia non vas conseguir nada e con empeño igual si”. Seguindo o seu consello decidín artellar estratexias para recuperalos. Poucas veces o conseguín, pero o empeño debía quedar ben instalado na miña cabeza pois, co tempo, atopaba o libro na mesma edición. A primeira vez que pasou foi en Barcelona, nunha librería de vello na que estaban facendo expurgo para tirar ou saldar libros estragados de máis. Eu estaba enfronte dun andel vendo o que alí había cando un dos empregados achégase cunha morea de libros deixándoa ao meu carón. Fixeime no lombo dun deles e resultoume coñecido. Ao velo ben levei unha alegría: era a mesma edición dun dos emprestados e xamais devoltos. Saquei todos os libros que estaban enriba mentres o empregado non deixaba de mirarme. Cando chegou onda min xa case rematara de colocar todo como estaba e antes de que abrise a boca dixen que me levaba ese libro. Achegueime ao mostrador para pagalo e o libreiro, di:
Este está fatigado, espere que le busco otra edición —e marchou sen darme tempo a preguntarlle que quería dicir co de “fatigado”. Ao velo regresar con outro máis “novo” entendino.
Este está mejor —di.
Si, pero yo quiero este —dixen collendo o outro e con intención de non soltalo.
Este está practicamente nuevo y ese, es de los más fatigados, como ya le dije.
—Ya, pero yo quiero este porque esta edición era la que yo tenía y lo presté y nunca más supe de el y no me importa que esté cansado, agotado, muy fatigado o lo que sea. Quiero este.
—¡No se hable más!
—dixo mentres metía o libro nunha bolsa.
Meses máis tarde volvín pola librería: é visita obrigada cando vou a Barcelona. Ao entrar saudei ao libreiro e contestou ao saúdo engadindo:
Por si le interesa, al fondo a la derecha hay un cajón de libros muy pero que muy fatigados.

Comentarios desactivados en Fatiga de libros

Comments are closed at this time.